E N X E R G O

Fálame e esquecerei, amosame e recordarei, implícame e entenderei Claxton 1987

Menu


In memoria
Materiais didácticos
A didáctica
Outros traballos

 

KANT EN COMPOSTELA

A Xosé Calviño Pueyo. In memoria

Dixéchesme un día
-atravesando as pedras frías de invernía
da praza santiaguesa do Toural-
que de tan kantiano que ti eras
non sabías se por baixo dos fenómenos
das aparencias sensibles
-aquel frío de decembro
aquela chuvia miudenta e teimuda
aquel ceo escuro de nubes negras e anoitecida
aquelas pedras e aquela praza
a cidade toda que tanto amabas
e eu mesmo que diante túa
sorría e escoitaba-
se había ou non había algo máis
certamente dicías que non sabías
 
Se cadra, dixéchesme
-e a noite enmascaraba as túas palabras
de esvaradías humidades
que daban máis incerteza á incerteza-
só existo eu
e as cousas son proxeccións da miña imaxinación

Hoxe, amigo,
é tamén decembro
e escribo nunha casa de pedra
protexido do húmido frío
dunha noite algo chuviosa e venteira
cando a lúa é tallada dunha froita
e as estrelas xogan ás agochadas coas nubes
hoxe en que alguén diría:
“Calviño xa non existe”
eu digo, meu amigo,
que a túa kantiana incerteza
existe sen dúbida nestas pedras
e no frío e na chuvia
e na noite e no escuro
e no inverno deste decembro de lembranzas

Eu digo, meu amigo, que o mundo existe
e é mellor porque ti estiveches no mundo
e digo que a vida existe
e ten sentido vivila porque a vida
foi tamén algunha vez a túa vida

Porque, meu amigo, ti ben o sabías
o mundo e a vida están tantas veces cheos
de negras certezas
que mellor fora que nin imaxinado tal mundo existise
nin ninguén vivise a tal vida

Ah, admirables kantianos incertos
que facedes o mundo habitable
a todos eles digo falándoche a ti
Calviño amigo
que diante vosa é a morte a que non existe
cabaleira noxenta de noxenta guerra

Calviño, kantiano amigo,
eu cuspo á morte co teu nome
porque aínda hoxe coma onte
tomo café contigo no Airas Nunes
e percorro o arco da ferradura
discutindo sobre o imperativo categórico
acougando os ollos na nobreza amarelecida
dos vellos carballos de Santa Susana

Noxenta morte, es ti quen non existes
fenómeno aparente de infamantes poderes
cego instrumento de absurdas ordes
cabaleira tola do cabalo malo
que turra do carro desta vida efémera

Es ti quen non existes, morte noxenta
porque a amizade queda
e na amizade habita
tanta memoria e tan viva
que a ti, noxenta morte,
só che queda, sen vida... morrer

Morte de morte morrida
xa non existes
só existe a vida e nela
en lugar celebrado e principal
a memoria dos amigos
que, coma ti, Calviño
fixeron deste mundo un fermoso e habitable lugar
onde a vida paga a pena de ser vivida

Corcubión, decembro 1998
Miguel Vázquez Freire